Novas
Cargando...
, , , ,

Bolsa da Universidade de Bremenhaven para participar na súa escola Internacional de Verán

Share on Google Plus


Desde o luns 9 de abril a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrou a súa xa tradicional International Week, que permite ao seu alumnado compartir actividades académicas e lúdicas con estudantes e profesorado estranxeiro. Despois dun intenso programa académico e lúdico, a cita pechouse este venres coa entrega por parte da Universidade de Bremerhaven ao centro ourensán dunha bolsa para que un dos seus estudantes asista de balde á escola internacional de verán da institución académica alemá.
A cita máis internacional de Ciencias Empresariais e Turismo cumpriu este ano a súa oitava edición acadando a participación de 110 estudantes propios, 12 da Universidade de Bremerhaven e 15 docentes de diferentes países da Unión Europea. “A entrega desta bolsa é un broche de ouro para unha edición que consideramos que foi un éxito non só pola participación e pola calidade do programa desenvolvido senón sobre todo pola convivencia que se deu entre todos os participantes”, afirmou Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

A decana do centro foi a encargada de recibir o compromiso da bolsa de mans de Gerhard Feldmeier, vicerreitor da Universidade de Bremerhaven, nun acto que contou tamén coa participación de Elena de Prada, responsable de Internacionalización da facultade ourensá. Gerhard Feldmeier destacou como “é difícil dicir adeus” despois de compartir unha semana na que tiveron a oportunidade de “aprender uns de outros” e desenvolver un “gran programa de actividades” que lle permitiron ademais de afondar nas súas áreas de coñecemento “coñecer a cultura de Galicia, a súa historia e tamén a súa gastronomía”. Salientando como o campus de Ourense se “ten convertido na súa segunda casa” e agradecendo especialmente o trato dispensado polas persoas que traballan en Ciencias Empresariais e Turismo, Feldmeier subliñou como esta bolsa quere continuar a liña de estreitar as relacións entre a Universidade de Bremerhaven e a de Vigo.
A bolsa, valorada en case 2000 euros, permitirá a un estudante, elixido pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ourensá, ampliar os seus coñecementos e experiencias “na comunidade internacional” que se vive na escola de verán da universidade alemá, que se celebra durante unha quincena do mes de agosto e que conta coa participación de alumnado “de diferentes partes do mundo”. 

Esta iniciativa dá continuidade á colaboración que existe entre as dúas institución académicas que, alén da celebración da International Week, na actualidade ofrecen un grao internacional en Administración e Dirección de Empresas pola University of Applied Sciences Bremerhaven e pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo, que permite a estudantes do centro ourensán realizar o último curso na Hochschule Bremerhaven e a estudantes alemáns facelo mesmo nas aulas ourensás.

Entradas relacionadas

0 comentarios

Séguenos no Facebook