O alumnado de último curso da Facultade
de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrou este xoves o
seu acto de graduación. Trátase de 61 novos titulados e tituladas do grao de
Administración e Dirección de Empresas e 48 do grao de Turismo.
A VI promoción do grao en Turismo e a VII
promoción do grao en Administración e Dirección de Empresas festexou o remate
dos seus estudos no Auditorio Municipal de Ourense, nun acto que contou coa
asistencia de José Manuel García, vicerreitor de Economía e Planificación da
Universidade de Vigo; Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais
e Turismo do campus de Ourense; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, e Marisol
Díaz, delegada territorial en Ourense da Xunta de Galicia. Os padriños
institucionais de promoción foron respectivamente Domènec Biosca, presidente da
Asociación de Directivos e Expertos en Empresas Turísticas, e Ignacio Rivera,
CEO de Hijos de Rivera. Os padriños académicos foron respectivamente os
docentes Andrés Mazaira e Elena Gallego.
Forxar un futuro
“Tras catro anos de formación, quero
lembrarvos que isto non é un punto e final na vosa vida formativa, senón unha
etapa nunha viaxe que apenas comeza. O título acredítavos unha formación
superior que podedes, e debedes, ir consolidando e ampliando ao longo da vosa
vida profesional. A facultade sempre estará aberta para todo o que
necesitedes”, destacoulle Elena Rivo aos novos egresados e egresadas do centro,
aos que animou “a emprender e a que sexades vos mesmos os que forxedes o voso
futuro”. A decana tamén tivo palabras de recoñecemento e agradecemento para o
profesorado e o alumnado do centro e para as entidades públicas e privadas que
con el colaboran ao longo de cada curso académico.
Durante o acto tamén se fixo entrega dos premios extraordinarios fin de carreira concedidos polo Colexio de Economistas de Ourense aos mellores expedientes académicos do curso pasado. No grao de Turismo a galardoada foi Raquel Diéguez, no de Administración e Dirección de Empresas Alejandro Rodríguez e no de Consultaría e Xestión da Información Silvia Fernández. O Coro Universitario do Campus de Ourense e Real Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense foron as encargadas de pór o broche musical a un acto caracterizado pola emoción e a ilusión.